
Para J. B. C.,
in memoriam
"I belive in angels...
something good in everything I see"
(ABBA)
Coido
que hai anxos entre nos; e que tódolos eventos humanos poden ser vistos como
parte dunha xesta, dunha loita inacabable entre as forzas da luz e as forzas da
escuridade; e que, ás veces, para servir ó Ben, hai que face-lo Mal.
Coido que hai anxos entre nos; que
camiñan polo mundo ocultos baixo humanas apariencias e non poden ser
distinguidos máis que prestando atención ós seus actos radiantes de caridade.
Eu, unha vez, coñecín un anxo.
Chamábase Javier, e tiña a
apariencia, e o carácter, desas pintorescas criaturas africanas que botan o día
mergulladas nas súas confortables charcas abaneando as diminutas orelliñas: os
hipopótamos. Cando non están na auga, gostan de deixar que pequenos paxaros se
lles pousen no lombo e os libren dos parásitos. ¡Pero coidado! Os hipopótamos
poden tamén manifestar unha ira insospeitada, e non sorprende que os gregos os
considerasen cabalos de río, tan apresa como corren. Os hipopótamos, penso eu,
son semellantes ós anxos; logo parece lóxico que un anxo que se camufla de
humano acabe tendo xeito de hipopótamo.
Xavier
e máis eu (e máis outros, claro) fomos á mesma clase durante un curso ou dous,
e ás veces intercambiábamos videoxogos, pero nunca fomos propiamente amigos.
Nalgún intre durante aquel tempo, concebín a disparatada idea de aprender a
xogar ó fútbol, e inscribínme nun equipo de fútbol sala na equivocada crenza de
que alí íanme ensinar, pero non foi así: polo visto, os nenos aprenden a xogar
ó fútbol por ósmose, ou tal vez por ciencia infusa, de onde se deduce,
evidentemente, que eu nunca fun neno.
O primeiro día descubrín dúas
cousas: unha, que iamos xogar un partido; outra, que Javier estaba no equipo,
cousa certamente razoable: a palabra “equipo” descompónse en “equi-”, do latín equus
[cabalo], e “-po”, do grego hypos [tamén cabalo]. A relación có
devandito é obvia.
Do transcurso daquel primeiro partido non
lembro ren, agás o aturdimento, e a vergoña, e o desgusto, e a torpeza, e
que me limitei a correr para un lado e
para outro segundo vía que facían os meus compañeiros de equipo; o balón
movíase duns pés a outros demasiado rápido como para que os meus ollos puidesen
seguilo, e na única ocasión en que o balón estivo preto de min, a medio metro ou
menos, quedei inmóvil, incapaz durante segundos de darlle unha patada, fitándoo
con aire de monarca destronado: lembro como unha masa informe de son os berros
dos meus compañeiros, lentos, durante segundos: ninguén estaba preto, sos o
balón e máis eu; finalmente, dinlle unha patada ó esférico, unha boa patada,
unha patada forte, unha patada nutrida do aturdimento, da vergoña, do desgusto,
da torpeza ... mais debeu ser esta última a dominante, de súpeto suplantanda
por unha profunda incomprensión mezcolada de inxustiza cósmica, pois ó
contactar coa pelota a forza da patada esvaeceu en nada e aquela so se moveu
uns centímetros tímidamente: estaba feita de plomo, pesaba como un mundo
enteiro de vacío, como un burato negro emocional. Chegaron os xogadores do
equipo contrario e o balón marchou con eles, lixeiro, xirando, case trotando
alegremente. Naquel intre Javier chegou ata min, colleu a miña cara coas súas
mans e díxome “¡Espabila!”. E o curioso é que máis que desgusto ou desprezo no
seu ton, había preocupación xenuína, coa comprensión profunda de que eu non
xogaba como debía sinxelamente porque non sabía xogar, porque era a primeira
vez que xogaba.
Nin sequera lembro se gañamos ou
perdemos. Pero, acabado o partido, mentres os outros compañeiros pasaban ó meu
carón lanzándome miradas de furia e desprezo, Javier acercouse a min e
palmeándome nas costas, dixo: “¡Ben feito! Polo menos intentáchelo. Xa
aprenderás”.
Non aprendín. Aquel foi o meu
derradeiro partido. Despóis, cada un seguiu o seu camiño. Nunca volvín ver a
Javier. Poucos anos máis tarde, cando me enterei da súa morte nun accidente de
moto, lembrei aquelas palabras que me dixera, e tamén aqueloutras, ¿quen as
dixo?: os anxos, na terra, non están ben, e marchan pronto. [1]
[Este relato resultou gañador do I Concurso de Relato Curto da EOI Ferrol, no ano 2008]
[1] O autor
fai notar que a etimoloxía dada ó termo “equipo” é falsa. Pero tamén o son as
de Isidoro de Sevilla e por aí andan.